Humor Grandecheo: NON TE RIAS DAS DO VECIÑO, QUE AS TUAS VEÑEN NO CAMIÑO.

Cambados 9 de Xuño de 2010

XIV EDICIÓN DE VIÑOS ALBARIÑOS DE CAMBADOS (SABORES E AMORES) EN PALMA DE MALLLORCA

Xa son 14 anos os que a localidade galega de Cambados trasládase a Palma de Mallorca para presentar os produtos da súa zona e, abrigo, os seus viños. Unha das pezas craves deste acto é o hostaleiro galego, fincado nesta illa, Antonio Seijos Orol, quen nos fala da festa do viño de albariño,   ven a dicir Seijos  que é unha copia en pequeno da festa de Cambados, asistiron 39 adegas, a coversa emitiuse en Radio 5 e que podes escoitar no seguinte corte:

 http://www.rtve.es/swf/v2/RTVEPlayer.swf?assetID=792113_es_audios&location=embed

 

Cambados 9 de xuño de 2010

UN OURO E DOUS BRONCES PARA O CAMBADOS NO CAMPIONATO GALEGO INFANTIL DE TENIS DE MESA

Raquel Martinez, toda unha campiona.

Pontevedra foi o escenario o pasado fin de semana do Campionato Galego infantil de tenis de mesa. Unha cita á que acudiu o Cambados TM, cuxo equipo masculino, formado por Martín Regueiro e Iván Lois, conseguiu a medalla de bronce logo de perder nas semifinais fronte ao Monteporreiro e de gañar ao San Xoán de Ferrol no encontro pola terceira posición.

En canto ás actuacións individuais, Martín Regueiro pasou con facilidade a fase de grupos. No cadro final gañou a Abeijón de Oroso e perdeu logo de con Sanmartín, que ao cabo sería o subcampión. Na modalidade feminina, Cristina Barreiro logrou o bronce. Un mal partido na rolda de semifinais embazou o que estaba a ser un bo campionato da arousá. Precisamente, foi Cristina a que eliminou á súa compañeira Raquel Martínez na rolda de cuartos de final. E Raquel, á súa vez, superou a outra das representantes do Cambados TM na cita, a aínda benjamín Paula Padín. Andrea e Mariña Chaves, pola súa banda, non puideron superar a fase de grupos.

As mellores noticias para o conxunto de Cambados chegaron nos dobres femininos. Aí, Cristina Barreiro e Raquel Martínez fixéronse coa medalla de ouro tras vencer na final ás representantes do San Xoán de Ferrol por un axustado 3-2. Paula Padín e Andrea Chaves, pola súa banda, foron eliminadas nos cuartos de final.

Polo que respecta aos dobres masculinos, Martín Regueiro formou parella con Eduardo Quintela de Oroso e chegou esta parella á rolda de cuartos de final.

A terceira medalla do Cambados logrouna Raquel Martínez, que formando tándem con Domínguez de Oroso, foi bronce. Padín e González perderon nos cuartos de final e Martín Regueiro e Cristina Barreiro caeron nos oitavos.

 

 

 

Cambados 9 de xuño de 2010

O PINTOR-POETA BALDO RAMOS EXPÓN NA GALERIA BORRON 4

DENDE O 11 DE XUÑO ATA O 20 DE XULLO

 

O Pintor-Poeta Baldo Ramis inaugura a súa exposición na Galeria Borrón 4 , o vindeiro venres 11 de xuño baixo o titulo “Olladas de Papel”. Está exposición estasrá na devandita galeria ata o 20 de xullo. Pódese visitar de martes a sábado de 11.30 a 14 h. e de 18.30 a 21.30 h. A Galeria Borrón 4 está situada na Avda. de Galicia 39 de Cambados , o seu telefono é 986520122 e o seu e-mail é borron4@terra.es .

Baldo Ramos (Celanova, Ourense, 1971). Poeta e artista plástico, a súa obra indaga nos espazos que comparten a poesía e a pintura. Os seus libros de artista –“Signos de cinza”, “As follas dá memoria”, “Monólogo do calígrafo”, “Ut pictura poesis”, entre outros- son o froito desta fusión.
Publicou sete libros de poesía ata o momento: “Raizames” (Follas Novas, 2001), “A árbore dá cegueira” (Espiral Maior, 2002), “Os ollos das palabras” (Fundación María do Villar Berruezo, 2002), “O soño do morcego” (Pre-Textos, 2003), “Diario dunha despedida” (Amarú Edicións,2005), “Escura e transparente” (tresCtres Editores, 2005) e “Ou ourego e ou compás” (Casa dá Gramática, 2006, 1ª ed./ Fundación Fachendosos Enríquez, 2007, 2ª ed.).
A súa obra pictórica foi exposta en diferentes salas do estado español e serviu para ilustrar numerosos libros, revistas e plaquettes. recibiu, entre outros, o premio Arcipreste de Hita (Alcalá la Real), María do Villar Berruezo (Tafalla), Concello de Carral (A Coruña), Rosalía de Castro (Barcelona), Cidade de Tobarra (Albacete) e o accésit do IV Certame de Poesía Iberoamericana Víctor Jara (Salamanca).

 

 

 

Cambados 7 de xuño  de  2010

OS LUNS: A POESIA DE RAMÓN R. NOGUEIRA E XOSÉ MARIA VILA RIBADOMAR.

RAMON R. NOGUEIRA

http://ramonogueira.wordpress.com/page/2/

 

 

“COGITO ERGO SUM”

Un malgasto de verbas indefinidas.

nun papel de lixa

cun texto apócrifo, tremendamente fabuloso

nas bocas das xentes das distintas imaxes.

 

Unha deidade do branco escrito

a soberanía do imposíbel

ollando como luz de lúa nas noites de inverno.

que men quentan.

 

Un herdeiro do lapis

Morriñentos

e faltos de compaixón

impersoais e implícitos no importante do noso.

 

Un papiro do Seculo V antes da nosa era

enchoupado de memoria e esquezo

recollido

e pendente de razón.

 

-Abyssum abussus invocat-

 

 

 

XOSÉ MARIA VILA RIBADOMAR

http://www.facebook.com/?ref=home#!/profile.php?id=1618114911&ref=ts

 

 

“ASASINA”

Vaite asasinar, vai facer un nó na gorxa do teu aire, vai acougar nos límites do corpo, nun salaio fiel de polpa vai deixar as carabuñas dos teus ollos , e nos gumes das apertas vai destilar o metal dos licores afroitados, e co engado dos peitos irá tecendo a seda, a arañeira da roupa interior, o encaixe dunha labazada, logo, sen tregoa, ciscará cos dentes a mordedela na aorta de tódalas túas estatuas e da túa estancia, e soterrarache co seu corpo nunha cama baleira, nun teito solar de arames e roupa despoboada, farache sufrir co xerme dos seus nomes, e latexará o látego contra o peito, ate arrincarche a lingua, o idioma neborento dunha suplica, escorrerá polas súas pernas para atopar a fenda, o pesadume, o sorriso acoitelado na cara, e as correntes alporizadas dos ríos eléctricos, no seu fluxo de cuspe e cobiza, vaite matar, irmá, vai, e doerache, e correras coa boca cega de pingas de xoaniñas, e fíos de xugo de cereixas polas veas, fenderache polo istmo dos teus brazos para que procures os seus tecidos na carne, e vai vir dicirche, cando queiras maio, cando a queiras chuvia, vai vir espetarche que morres por ela, que está escribindo a ferro o teu mármore, e a maior parte dos insectos do seu corpo nu son oníricos, e no o velcro dun bico vaite facer adoecer no ferrollo do pube, degolando o acto coa fatalidade da ledicia, agatuñando pola marusía de obirgarche a arfar sobre a súa man espiñenta, ata rematarte polas costas coa cóchega da area, a cambra da harpa, e o coito da daga apurada.

 

 

 

Cambados 7 de Xuño de 2010

APARIZ,  A FOTOGRAFIA COMERCIAL FEITA ARTE

UN DOS POUCOS FOTOGRAFOS CAPAZ DE PLASMAR A BONDADE E A INOCENCIA NUNHA FOTO

Antía é a "bondade" fotografiada.

Sara representa a "inocencia".

 

Se falamos de fotografía comercial, talvez poida pensarse que nos desviamos da connotación artística que é inherente á arte en fotografía propiamente dito. Con todo, fotógrafos como Eduardo Apariz fannos ver que a fotografía comercial e a fotografía artística non teñen porqué convivir en terreos afastados, ben podendo entrelazarse para producir exquisitos produtos, tales como as fotos de Sara e Antia por exemplo. É doado ou díficil fotografar a bondade e a inocencia que tan ben nos fai realidade  o autor, Apariz nestas fotos pintanolo como  doado, pero non é asi detrás destas fotografias hai todo un traballo dun xa experto fotografo que á nosa vista fainos confundir a fotografia comercial e a artística.
Eduardo Apariz ten todos os elementos para ser considerado un fotógrafo artístico-comercial. Con pinceladas que respectan moito o estilismo, a finura e a perfección, as súas fotografías son unha combinación xusta entre o necesario para triunfar no mercado e a beleza en sentido puro, desligada dos requirimentos comerciais.
Nos sitio web de Eduardo Apariz www.cambadosenfotos.net  
www.eduardoapariz.net   podemos atopar moito material interesante. Os que mostran fotografías de lugares, a primeira das páxinas son os máis atractivos para o noso gusto, pero non os máis representativos xa que estes atopanse na segunda das páxinas adicada o seu estudo de fotografía. Recomendamos visitar detidamente as dúas páxinas. Apariz é un fotografo que lle un impreme un selo aspecial a súa obra, nada más ver unha fotografía del xa se distigue perfectamente, e como cando ves un cadro de Lino ou unha escultura de Manolo Paz, sabes que son deles polo se estilo peculiar.

Ao igual que o pincel do pintor, o cincel ao escultor ou a partitura ao músico, Apariz non oculta en ningún momento a súa manifesta intención de utilizar a camara como unha ferramenta artística. Debuxa, difumina e borronea con paciencia para crear obras de particular beleza. A técnica por outra banda é tan acuciosa que a súa fotografia convértese en grámática do espazo.

No CD “Cantidas do Camiño”, que é un recoplitario de varios grupos galegos do momento con pezas relativas o "Camiño de Santiago", sabe fotografar como ninguén a personalidade dun grupo con moita forza e vigorosidade  como é Treixadura mostrando unha simbiose entre os gaiteiros e o orfeón que só el sabe facer. Por certo o CD , é unha marabilla , aconsellamos que o merquedes.

 

 

 

 

Cambados 6 de xuño de 2010

MANOLO PAZ PRIMEIRO CAMBADES EN ACADAR O NOMEAMENTO DA HONORABLE ORDE DOS VALEDORES DO VIÑO TINTO DO SALNÉS
TAMÉN ACADOU  ESTE DISTINTO “GOGUE”
O PRIMIERO XA FORA NOMEADO CHALEQUEIRO POR UNHA GRANDE CHEA E O SEGUNDO GRAN AMIGO DÁ NOSA ASOCIACIÓN.

Gogue e Manolo Paz, primeiro e segundo pola dereita respectivamente.

A XXXVIII edición da Festa do Tinto de Barrantes será recordada por acoller o nacemento da Honorable Orde dos Valedores do Viño Tinto do Salnés e o nomeamento de socios honoríficos, quenes copiaron a idea do chaleco , tal e como xa contamos neste espazo Web,  de Unha  Grande Chea
O colectivo, que pretende recoñecer con actos como o de onte o traballo, dedicación e implicación na festa e co tinto Barrantes nomeou aos primeiros sete valedores de honra. Entre eles ao chalequeiro  de Unha  Grande Chea o escultor cambadés de fama mundial Manolo Paz, gran amante do viño tinto e o caricaturista do Grove de ascendencia cambadesa José Anxo Rodríguez “Gogue” gran amigo de Unha Gran Chea e como todos sabemos gran defensor do viño tinto .
O escultor Manolo Paz animou “a desfrutar dun tinto que está boísimo”, mentres o debuxante “Gogue”, creador de Don Floreano, eternamente ligado a unha cunca de tinto Barrantes, indicou que ata a morte do personaxe, continuará unido ao produto ribadumiense.

 

 

Cambados 6 de Xuño de 2010

ACLARACIONS DA ORGANIZACIÓN  PARA A II CARREIRA POPULAR DE CAMBADOS

Circuito da II Carreira Popular de Cambados.

1.- Intentaremos ser o máis puntuais posible, tendo en conta que se terá que pechar o tráfico para sinalizar o circuíto.
2.- O circuíto  onde se pode correr, podelo ver no gráfico, é completamente chan agás unha pena costa de 100 metros que non chega o 3% de desnivel.
3.- Para aparcar, tendo en conta que se pechará ao tráfico o centro de Cambados, os mellores sitios son a variante do Salnés, a avenida de Vilagarcía e as inmediacións do pavillón do Pombal, todo a escasos 400 metros da Praza de Fefiñanes.

4.- Os que queirades quedar a  xantar hai  diversos restuarantes de distintos prezos na Rua Real o ladiño da  Praza de Fefiñans.
5.- A sete días para o peche da inscrición hai  249 atletas anotados.

Unha de información de Alfredo Oliveira para Unha Grande Chea.

 

 

 

Cambados 6 de xuño de 2010

NOVIDADES EN www.cambadosweb.net

Estes dias non pararon  de traballar duro en www.cambadosweb.net   para realizar algunhas melloras na web, que pasamos a explicar a continuación.
-Configuraron un calendario de eventos, onde iran anunciando todos aqueles que, por proximidade ou importancia, consideren de utilidade. Parece que hai algún problema co minicalendario, porque nalgún caso, a pesar de que está programado un evento, non aparece a información do mesmo ao facer "click" no dia, estan mirando como corrixir isto. En caso de dúbida, o menú da barra superior, se funciona correctamente e aparece toda a información de todos os enventos programados.
-Están cambiando o apartado onde ofreceran información turística sobre Cambados. Mostraran unha nova descrición mellor redactada do noso pobo, e ademais nun novo idioma, o Inglés. Ampliaran tamén a galería de imaxes sobre Cambados.
A tradución que se fai nesta web do galego ao español é completamente manual, iso quere dicir que escriben os artigos nos dous idiomas, incluídos os erros ortográficos , polo que debido á vez que iso os ocupa decidiron, traducir soamente ao Inglés a información turística e o publicado no calendario de eventos ofrecelo unicamente en Galego.
Estan abertos a calquera suxestión. Para contactar con eles escribe a correo@cambadosweb.net.  

 

 

 

 

Cambados, 6 de xuño de 2010,

ÁS 21:00 HORAS, NA 2  MAXIA E NEUROCIENCIA EN “REDES” CON SUSANA MARTINEZ-CONDE

E A XEFE DO EQUIDO DONDE ESTÁ O CAMBADÉS JORGE OTERO MILLAN

NO INSTITUTO NEUROLÓGICO BARROWS, EN PHOENIX (ARIZONA)

Susana Martinez Conde, Jorge Otero Millan e Xoana Troncoso , tres galegos que triunfan nos EE.UU

Sabemos que nos van a enganar, sabemos que imos caer nas súas mans, ata podemos coñecer o truco pero os bos magos sempre nos fascinan. A arte para mostrarnos unha realidade imposible sedúcenos e, nos últimos anos, axudou aos científicos a coñecer máis sobre as limitacións do cerebro humano, sobre os mecanismos neuronais da atención e sobre o fácil que é distraernos. Susana Martínez-Conde, neurocientífica e directora do Laboratorio de Neurociencia Visual do Instituto Neurológico Barrows, en Phoenix (Arizona), cóntanos hoxe en “Redes” as súas investigacións con magos e ilusionistas que lle levaron a descubrir os seus segredos para manipular a conciencia. As microsacadas, un dos tres tipos de movementos de fixación visual do ollo humano, eran ata hai pouco consideradas case un mero tic. Hoxe sábese que estes pequenos movementos involuntarios que viaxan en liña recta contrarrestan o desmaio visual durante a fixación e son responsables de ata o 80 por cento da experiencia visual.
O achado fíxoo un equipo dos Estados Unidos liderado pola coruñesa Susana Martínez-Conde García, e do que forma parte o cambadés ingeniero en telecomunicación Jorge Otero Millán. A famosa serie de libros de xogos ¿Onde está Wally?, creada polo británico Martin Handford, entretivo e cautivou a lectores de todas as idades desde a súa creación en 1987. E agora Wally contribuíu a un importante avance científico sobre como o cerebro leva a cabo procuras visuais. A investigadora, Susana Martínez-Conde e os seus colaboradores do Instituto Neurológico Barrow (Phoenix, Arizona, USA), Jorge Otero Millán, Xoana Troncoso, Stephen Macknik e Ignacio Serrano Pedraza, demostraron que minúsculos e inconscientes movementos dos ollos revelan a localización de Wally durante unha procura visual produtiva. O traballo levou a cabo en colaboración coa Universidade de Vigo, na que Jorge Otero Millán “o primeiro asinante do traballo publicado en Journal of Vision, a revista máis importante en ciencias da visión “ cursa os seus estudos de doutoramento. Este descubrimento axuda a explicar o comportamento humano de procura, aquilo que nos axuda a atopar as chaves nun escritorio desordenado ou a recoñecer o rostro dun neno nun patio de recreo, entre outras cousas.

 

 

 

Cambados 5 de Xuño de 2010

“UNHA PERLA DE CINE”

FARO DE VIGO E A TVG FIXERONSE ECO DA NOVA

OS QUE NON POIDECHEDES VER A REPORTAXE  NA TVG PREMEDE AQUI PARA VELO

O SORTEO O VINDEIRO 17 DE XUÑO AS 12 DE NOITE

Reportaxe publicado onte no Faro de Vigo

Cando publicamos a nova na nosa páxina nunca pensamos que ia a ter a repercusión  que tivo na prensa e na televisión (preme AQUI para ver a reportaxe da TVG), o final só era un simple perla. Está claro que os medios de comunicación están ávidos de dar boas novas, ante a cantidade de desgrazas que están a cair todolos dias ante a temible crise. Os que imos o Xeito, estamos moi contentos de desviar por uns intres a atención perante a temible crise antes de que chegue o mundial de futbol. A Xoieria Enrique xa preparou de xeito  impresionante o perla “condimentada” cun precioso anel labrado en ouro, estamos seguros de que a “ afortunada”, vai ter sen dubida un dos mellores premios da velada. A cea cas mulleres vai ter lugar o vindeiro dia 17 de Xuño as 22 horas na casa de “Litiño” en Santo Tome. Unha festa rachada , na honra das nosas donas, merecida, a magoa é que non haixa unha perla para cada unha.

“Peña Xeito”.

Así quedou a perla despois do precioso traballo de orfebreria realizado por "Xoeiria Enrique"

 

 

 

Sábado 5 de Xuño de 2010

S.O.S. REFUXIO ANIMAIS CAMBADOS

A CRISE TAMÉN SE CEBA COS ANIMAIS E O TRABALLO DE OLGA COSTA

O ANO PASADO O CONCELLO DENEGOULLA A INSTALACCIÓN DUNHA CASETA NO ALBARIÑO PARA RECAUDAR FONDOS

Olga Costa a verdadeira "alma mater" do Refuxio de Animais de Cambados.

Neste vídeo ( que podes ver premendo AQUÍ se estás dado de alta en facebook)  podemos ver a situacion en que se atopa o  Refuxio de Animais de Cambados. Estan desbordados e os animais cada vez chegan en peores situacións veterinarias. Nós poden  facerse cargo da alimentación, e dos casos  de animais enfermos que cada vez nos chegan a tres diarios. Levan  tres meses sen esteriliza…r, animais con tumores e ata atropelados que cunha radiografia e unha simple operación a súa vida melloraria. Estan  desbordados. En once anos que leva Olga Costa colaborando neste refuxio nunca estivo tan mal, sen ela os animais non terian ningún coidado, ningún refuxio, ningún amparo, ela é a “alma mater” do  refuxio o “San Antoniño” dos animais. Por iso desde a semana que vén colgaran o número de conta do refuxio para que os axudedes con achegas económicas e facer cargo a todos os gastos veterinarios. Outra das ideas achegadas sería celebrar o anciño de libros e camisetas que vimos celebrando en agosto e así coas vendas axudar con máis fondos. Proporanlle ao Concello a instalacion dunha caseta tamen no albariño xa que é unha das festas que máis visitas xera no noso pobo, dicir que o ano pasado o concello denegoulle a instalación da caseta, este ano intentarano outra vez. Se alguén quere achegar ideas llo agardecen. Entre todos podemos. Este vídeo dedícallo Olga a todos os animais que son abandonados á súa sorte, para que vexades que duro é o labor dun voluntario nun refuxio de animais.

 

 

 

 

Cambados 3 de xuño de 2010

DE CAMBADOS AO MUNDO NUN SÓ CLICK

Aínda que www.conexiondance.com (ten un gran defecto,  non está en galego)   naceu no ano 1996, moitas cousas cambiaron para un grupo de cambadeses que puxo en marcha unha iniciativa pioneira na comarca do Salnés e tamén en toda Galicia. Capitaneados por Carlos Vieites fixeron da radio unha forma distinta de concibir a música e, como non, a forma de facer comunicación. Usando internet como plataforma para a súa expansión ao resto do mundo, os mozos apostaron por unha forma de expresión dinámica, con toques de humor e que enganchou xa por centos de persoas baixo un formato en liña.

As orixes desta peculiar iniciativa remóntanse a mediados dos 90. Un grupo de amigos decidía colgarse ao micro e aos auriculares para “picar” aquela música que lles gustaba e, ao mesmo tempo, transmitir as súas inquietudes ao resto da comarca saliniense. Non foi máis que o xerme dunha proposta que hoxe alcanza límites moito máis amplos. Empezaron transmitindo desde a Frecuencia Modulada, pero pronto viron en internet un vehículo ideal para as súas intencións finais. E aí empezou todo.
Ao principio só emitían programas concretos, unhas poucas horas ao día, pero hai pouco máis dun ano a súa aposta deu un xiro de 360 graos. Agora, e tal como ocorre con miles de emisoras de afeccionados ás ondas en todo o mundo, permanecen conectados co mundo as 24 horas.
Para todos os públicos .- Conexión Dance naceu da paixón dun grupo de amigos pola música dance, house e techno, pero hoxe en día a súa aposta toca a todos os públicos aínda que con certos toques especializados.
A pesar de que os inicios e a sede central desta proposta está centralizada na capital do albariño, os seus integrantes cambiaron ao longo dos últimos anos. Na actualidade son nove os compoñentes dun equipo que promete seguir crecendo tanto en contidos como en espazos e formatos.
Aparte do cambadés Carlos Vieites, o máis veterano da agrupación, nas ondas web tamén soan as voces de Irixsex, Dayana, Óscar LP e Álex F, todos eles residentes na capital do albariño.
Ademais, tamén participa no innovador proxecto un veciño de Meis que se esconde baixo o nick Roi DJ. A lista complétase con dous nomes do municipio de Sanxenxo, Deep Jonhny e Mss Damita, e outro da localidade de Vilanova, Arpo 44 DJ.
As incorporacións e as baixas fóronse sucedendo ao longo dos anos, estas últimas máis que nada por incompatibilidades laborais, aínda que os pioneiros seguen sendo fieis seguidores desta emisora con base en Cambados. E é que Conexión Dance é xa moito máis que un simple portal web. É unha plataforma na que aqueles que apostan pola música alternativa teñen o seu oco e unha franxa horaria determinada na que exercer o seu protagonismo.
Presentación oficial.- Aínda que a plataforma dixital radiofónica é un clásico entre o público especializado, a presentación oficial non será ata este venres. O escenario elixido é, nin máis nin menos, que a Sala Capitol de Santiago de Compostela. E os compoñentes da iniciativa cambadesa non estarán sos no escenario. Aínda que eles serán os encargados de abrir a serie de actuacións, no cartel figuran outros nomes como o DJ Sonic, o coñecido Marcos Magán e DJ North G.
Máis contidos.-  O que si teñen claro este grupo de entusiastas da música é que Conexión Dance vai dar moito que falar. Sobre todo porque na súa páxina os contidos cólganse de forma periódica polo que os internautas poden acceder a eles en calquera momento do día. As entrevistas, as reportaxes e, como non podía ser doutra forma, as críticas musicais son os alicerces fundamentais dunha iniciativa que pretende colocar á comarca do Salnés e ao municipio de Cambados na vangarda das novas tecnoloxías. De momento, estano conseguindo.
Reportaxe de Fátima Frieiro.

About unhagrandechea1

Somos a Asociación Cultural e DeportivaUNHA GRANDE CHEA de Cambados, vivimos para o Antroido e o Albariño. Tamén organizamos outros actos na vila. Se nos queres ver o careto estamos aquí nesta ligazón: http://picasaweb.google.es/unhagrandechea/XUNTADIRECTIVA?feat=directlink E se nos queres coñecer máis a fondo visita a nosa páxina web : www.unhagrandechea.org.es O que che está escribir é Chon , o presidente de Unha Grande Chea.
Esta entrada foi publicada en CAMBADOS UNHA GRANDE CHEA. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s