Cambados 26 de abril de 2010
OS LUNS: A POESIA DE RAMÓN R. NOGUEIRA E XOSÉ MARIA VILA RIBADOMAR.
RAMON R. NOGUEIRA
“CANTIGO A ESPERANZA”
Apegado a estas paredes
continúo o meu afán por seguir vivo
e escoito
o que nunca foi escoitado por ningúen
en ningueres
apegada a unha parede.
escoito cántigos
de xograres antigos
esquecidos
de xograres mulleres
“trobadoras”
escoito cántigos apegados a unha parede
e continúo só albergando a esperanza de unha cama se
convirta en pedra
en pedra infinita
branza, negro ou cristal
desexaría ser un xograr da miña era
ser un xograr da miña idade
xogar coa miña lingua
e coa lingua dos demais
ser un xograr da auga.
XOSÉ MARIA VILA RIBADOMAR
Alén de Li-kien
Ódiote.Vou canso ata o Dnieper. Hai un frémito para que as miñas uñas procuren as túas raizames. Vou canso por tres camiños, un polo que todo se asolaga coa lingua húmida de diluvios e devezos agás os picos de Ará e Babel, outra pola das arbores cantareiras que desenrolan nas túas extremidades fragas cobizosas e logo, máis contra o oeste, o do riso das caveiras deixando atrás a cidade de Tangut para que a filla de Kublai-Khan me atenda de morte, e onde sei cair de á par deitado na duna das súas cúpulas torácicas, e ódiote por tanto que sei comezar calquera das miñas vías nómades coas uñas para rematar cos dentes, e máis aló, máis aló so fican as Montañas do Sal, e os sedentos caravaneiros advertidos de que Tchang-Kien, o enviado, non voltou en dez anos, e ti sabíalo e andiven perdido polo segredo da seda, entre colo e o ventre, sen que Samarkanda me orientara polas túa rotas para ir moito, moito máis ó leste, onde se encamiñan os exércitos de terracota pola banda dos ríos caladiños na procura da eternidade e onde de súpeto o sur abrocha en Turpán descargando as mercadorías de veludo e mosto por entre as coxas, escoitando na hora da sesta a Morricone no sillón vermello polo desfiladeiro de Yanguan, onde os desertos son quentes e clamorosos no meu odio a miles de quilómetros de pestilencia, alén de Li-Kien, e a bolboreta siderúrxica da tinta pesa nos ollos de cobre antes de espertarme para sempre.