Cambados 8 de abril de 2010
NOVA EXPOSICION DE LINO SILVA (Cambados. 1950)
CLAROSCUROS
NA GALERIA BORRÓN 4 DE CAMBADOS.
Volve Lino Silva a expor na Galería Borrón 4, unha selección da súa obra máis recente. A súa primeira exposición no ano 1999, ANIMA MEA, foi unha mostra recompilatoria das pinturas negras que Liño empeza a compor a finais dos anos setenta e prolóngase ao longo dos oitenta. Obra de marcado carácter expresionista, que permanecía durmida no faiado do seu taller.
Claroscuros é, unha década despois, unha mostra da súa obra máis recente, pero intimamente conectada na linguaxe e postulados pictóricos á súa obra de fin de século. É a continuación lóxica da evolución dos principios existenciais e artísticos da súa época creativa máis persoal. Cando o artista fixa e delimita o seu universo: O mundo de Liño.
A figura humana volve ocupar todo o espazo. Non fai falta paisaxe que acompañe ou sitúe aos personaxes, chega cunha lixeira atmosfera que os envolva. Pero o que si cambiou é a actitude do imaxinario, se antes aparecían como seres grotescos, atormentados e solitarios; agora fixéronse máis sociais, quizais un pouco máis felices pero seguen sendo igualmente grotescos. Son grupos de xente que está reunida e participando dalgunha acción que ao espectador ocúltaselle. Xa sexan festas dionisíacas, conciliábulos, aquelarres, celebracións carnavalescas ou unha simple reunión de amigos. Liño, conseguiu desposuír ao ser humano de todo caparazón, espiuno ao fin. Os corpos seguen cubertos. As aparencias desvanécense e o personaxe, xa convertido en símbolo, sae á luz, íspese sen pudor algún e maniféstase no seu máis íntima esencia ante o espectador
que o contempla.
Unha colabaración de Luís F. Silvoso
“Claroscuro” de LINO SILVA Inauguración, venres 9 as 20,30 h. Do 9 de Abril ao 6 de Maio de 2010. HORARIO: De martes a sábado de 11,30 a 14,00 e de 18,30 a 21,30. GALERÍA BORRÓN 4. Av. Galicia, 39 Cambados (Pontevedra) Telf. 986.52.01.22. borron4@terra.es