Cambados 30 de Marzo de 2010
UNHA GRANDE CHEA ENTREVISTA A JUAN MACEIRA
NOVE ANOS EN TEATRO CARACOL O AVALAN
UN ESTRADENSE CON ESPÍRITO CAMBADÉS
Juan estudando o seu papel, antes de entrar en escena.
Está xa a piques de estrearse a nova obra de Teatro Caracol que este ano leva por titulo “Dentro do bosque”, como cada ano Unha Grande Chea entrevista un dos seus actores, este ano tócalle a Juan Maceira un estradense que está a punto de cumprir 60 tacos pero que parece un chaval de 25 pola súa vitalidade. Juan é un deses poucos homes bos, sensatos , comprometidos e dinámicos que aínda quedan. Mestre de profesión arribou a Cambados fai uns 30 anos, o seu primeiro destino foi o Colexio A. Magariños, alí coñeceu a a que ía a ser a súa compañeira de sempre Lucia tamén mestre no mesmo Colexio, froito dese amor naceu a súa única filla Olalla. Despois Juan cambiou de colexio e agora está dando clase en Santo Tome, onde é un mestre moi apreciado e segundo o parecer vai deixar a docencia este o remate deste curso por motivos “xubilosos”. Aínda que non o pareza Juan é un home moi divertido e veno demostrando fai un par de anos na Asociación Unha Grande Chea onde participa no Entroido dun xeito moi activo. Recentemente para a romper esta felicidade a mala sorte chamou a súa porta nun par de ocasións, pero Juan é home optimista e sabe saír adiante, madridista convencido, un artista con iso da papiroflexia , un prodixio de memoria, socio de UGCH (aínda sen carné, pero prometemos darllo enseguida), Juan é un dos principais actores da Compañía Caracol e quixemos saber das súas inquedanzas.
Unha Grande Chea.- Cantos anos levas en Caracol e porque entraches na compañía?
Juan Maceira.- Levo na compañía dende o 2001 ou sexa 9 anos. Incorporeime cando se implantou a xornada única no colexio o que me posibilitou asistir os ensaios e tamén porque tiña unha estreita relación con moitos dos seus compoñentes.
En plena ensaio con Maria Pedreira e Romi o fondo.
UGCH.- Tiñas algunha experiencia teatral ou polo contrario era a primeira vez que actuabas?
JM.- O teatro sempre me gustou e xa no instituto fixéramos “A loca de Cahillot” en teatro lido, logo no ano 1971 representei “Un drama de Calderón” de Pedro Muñíz Seca e Pedro Fernando . Foi no teatro Principal da Estrada e tivo moito éxito.Como ves non foi a primeira vez.
UGCH.- Como evolucionou Caracol, baixo o teu criterio, durante estes anos?
JM.- Como ocorre con tódalas cousas Caracol tamén evolucionou; principalmente incorporando novos efectos coa axuda da tecnoloxía o cal redunda no lucimento e o bo facer da compañía e isto fai que os espectadores primeirizos queden bastante impresionados.
UGCH.-Es dos que máis tempo levas en Caracol, notas diferencias para mellor ou peor coa incorporación dos rapaces de fai tres anos para aquí?
JM.- Esta pregunta hai que matizala. Caracol empezou sendo unha compañía de país e nais para representar obras para os rapaces, logo debido a ocupacións persoais moitos tiveron que deixalo e entón entrou xente nova (algúns fillos de antigos compoñentes) . Isto non inflúe para que se siga realizando o mesmo traballo, pero ten o inconvinte de que estes rapaces e rapazas o empezaren a universidade teñen que deixalo, entón volvemos o principio. Eu persoalmente noto a falta dos antigos compoñentes cos que tiña unha relación máis forte .Cos novos nótase a diferencia xeracional.
Noutra escena, con outros compañeiras de Caracol.
UGCH.- Persoalmente que supuxo na túa vida estar en Caracol?
JM.- Para min foi unha experiencia moi positiva , aparte de facer algo que me gustaba, atopei xente que non coñecía e ca que hoxe teño unha boa relación.
UGCH.- Que opinión che merece a creación dunha escola Municipal de Teatro?
JM.- A creación dunha escola Municipal de Teatro foi un gran acerto por parte do concello .Moitos rapaces con inquedanzas teatrais poden formarse e se seguen coa afección poden dar o salto a escola dramática.
UGCH.- Como mestre pensas que o teatro debería entrar na escola dun xeito máis profundo?
JM.- A escola non pode transformarse nun caixón de xastre no que entre todo, co que hai chega dabondo. Por outra banda o teatro xa está presente na escola e proba delo son as distintas representacións que fan os colexios no día das Letras Galegas ,sen contar coas feitas nos distintos centros.
No antroido deste ano con Unha Grande Chea, e o autobus Nº 25 que el mesmo axudou a facer en compañia de Tomás Caula.
UGCH.- Que opinión che merece a obra deste ano?
JM.- A obra está ben e espero que lle guste os nenos e nenas. Eu boto de menos as primeiras que estaban baseadas en contos infantís e todos entendían. Algunhas das últimas representadas gustaron polo colorido e os efectos pero os nenos pequenos non as comprenden.
UGCH- Persoalmente estas contento co papel que che toca desenrolar este ano en “Dentro do Bosque”?
JM.- Cando entras a traballar nunha compañía hai un director que che da o papel para representar , se che gusta ou non é unha opinión persoal.
UGCH.- Es máis ou menos partidario de que as obras de Caracol teñan máis ou menos música?
KM.- Tódalas cousas en exceso acaban cansando e unha obra de teatro si ten moita música convértese nun musical.
ÚGCH.- É difícil actuar para nenos?
JM.- Os nenos son moi críticos co que fas .Si unha cousa non lles entretén fancho saber. No teatro dáste conta cando non lles gusta porque non atenden ,falan ou fan ruído. Tes sempre que despertar o seu interese alicerzándote na acción e desa maneira manter a súa atención.
UGCH.- Si querías dicir algo e aínda non o dixeches esta é a túa ocasión.
JM.-Ben eu para rematar só quero dicir que animo a todos para que asistan a próxima función de Caracol , perdoen os nosos fallos pois non somos profesionais e facémolo con todo o cariño e a mellor intención. Graciñas.
UGCH.- Grazas a ti Juan e ata vindeira ocasión.