Cambados 14 de marzo de 2010
O ADEUS LITERARIO DE AUGUSTO CHAVES
O CAMBADÉS PUBLICA "ANATOMÍA DA NOITE", O SEU TERCEIRO LIBRO DE POEMAS
Augusto Chaves acaba de publicar o seu terceiro “e quizais último” libro, un poemario que se titula "Anatomía da noite". O autor cambadés é fiel nesta nova obra ao seu estilo transgresor e esteticista, no que busca con paixón o poder suxestivo das palabras e a súa capacidade para asombrar convertidas en metáforas. En "Anatomía da noite" o lector achará os ambientes do cine negro, do mundo oriental e da cultura urbana que xa se albiscaban nos seus traballos anteriores. O libro pode atoparse nas librerías Nobel e Contos de Cambados.
Augusto Chaves acaba de publicar o que tal vez sexa o seu último libro. O poeta afirma, con total rotundidade, que "Anatomía da noite" significa para el o final dun ciclo. "Non podo asegurar que vaia deixar de escribir poemas, porque esa é unha necesidade que leva no interior. Pero si que estou seguro de que non vou volver a publicar, porque agora teño outras prioridades na vida".
"Anatomía da noite", un poemario que o cambadés acaba de autoeditar no selo Lulu.com significa xa que logo un compendio, unha burbulla na que se condensan o estilo persoal, as obsesións temáticas e os ambientes exóticos que xa estaban presentes nos dous libros anteriores de Chaves, "Visión interior" e "A luz acaecida".
Augusto Chaves naceu en 1970 en Cambados. Fixo estudos de Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela, aínda que posteriormente encamiñou a súa carreira cara ao mundo da Administración. Desde fai case unha década no rostro visible de Esperanza Salnés, unha asociación de apoio a nenos discapacitados.
Sendo un mozo de 23 anos estreouse nos ruedos literarios con "Visión interior", un poemario editado en Madrid que mostraba a un escritor arriscado e vangardista. A súa produción lírica continuou en 2000, coa publicación de "A luz acaecida", un traballo editado polo selo vilagarcián O Pirata Merodea.
Augusto Chaves seguiu escribindo, limando o seu persoal estilo. Por iso, afirma que "Anatomía da noite" é o libro seu que máis lle satisfixo. A pesar diso, non o tomou como un trampolín a novos proxectos, senón como un colofón, como o broche a unha carreira.
O poeta cambadés asegura sentirse "moi desengañado co mundo editorial", e dóelle a escasa repercusión que ten a poesía. "Non é que non se vendan os meus libros. É que non se vende libro algún de poesía. Hoxe en día, os únicos que len aos poetas son os outros poetas".
No entanto, a súa decisión de deixar de publicar débese tamén a razóns persoais. "O feito de publicar é unha manifestación do ego do escritor, e iso que era tan fulgurante na miña época universitaria co tempo foise desvanecendo". Iso si, afirma estar moi contento do seu paso pola literatura. "Non deixo a poesía cun pouso de amargura, senón todo o contrario".
ANXO MARTÍNEZ – CAMBADOS