Cambados 28 de febreiro de 2010
“OS BOLECHAS EN CAMBADOS”
O alcalde de Cambados, Luís Aragunde, e Pepe Carreiro, debuxante e autor dos personaxes, anunciaron onte a inminente publicación do libro “Os Bolechas en Cambados”, un proxecto que se está xestando e que no prazo duns 15 días xa contará cun guión.
Pepe Carreiro xa deixou entrever, durante a presentación que Carlos, un dos personaxes, que se caracteriza pola súa afección á comida, non deixará pasar a oportunidade de probar as vieiras, tal e como quedou reflectido no debuxo que fixo no Concello. “Sei que ou albariño aquí é algo especial, pero cunha familia de nenos será difícil encaixalo, pero xa verase”, expuxo.
Luís Aragunde adiantou que o Concello editará entre 2.000 e 3.000 exemplares deste libro, que fará chegar de forma gratuíta a cada neno de Cambados.
O primeiro edil expuxo que este libro tamén servirá de guía turística infantil para promocionar as excelencias paisaxísticas, culinarias e históricas do municipio entre os máis pequenos.
Pepe Carreiro, pola súa banda, recoñeceu que aínda non ten a historia definida, polo que durante estes días “tratarei de recompilar a máxima información posible”.
O que si ten claro é que a familia dos Bolechas aloxarase na casa dun amigo e a partir de aí desenvolverase unha historia na que, ao longo de 32 páxinas, os personaxes sacarán o mellor de si mesmos.
O alcalde deulle unha pista e expuxo que Os Bolechas percorrerán en Castrelo a praia das Saíñas, as rutas ecolóxicas dos Mazaricos e Os Alavancos e a igrexa de Santa Cruz. En Corvillón estarán no Muíño dá Seca e na igrexa de San Mamede. Tamén estarán en Vilariño visitando o castro de Sete Pías, viñedos e hortas. O percorrido continuará por Oubiña, onde coñecerán os sarcófagos antropomorfos na igrexa de San Vicente. No centro de Cambados visitarán a Praza de Fefiñáns, as ruínas de Santa Mariña, A Pastora e San Tome.