Cambados 28 de febreiro de 2009
NACE A ASOCIACIÓN XUVENIL RETRANCA
CO FIN DE DINAMIZAR Á MOCIDADE DO MUNICIPIO
Un grupo de mozos, con idades comprendidas entre os 17 e os 20 anos, deu o paso de organizarse e crear a Asociación Xuvenil Retranca, que onte iniciou a súa andaina coa intención de aglutinar e promover unha boa parte das inquietudes deste sector da poboación no que ao deporte e a cultura refírese.
Javier Oubiña é o presidente deste novo colectivo cambadés que se marcou como obxectivo “crear un ambiente xuvenil con ideais sans”, polo que as súas preocupacións centraranse principalmente na procura de alternativas ao lecer dos mozos.
Os seus compañeiros de xunta directiva tamén inician a andaina coas mochilas cargadas de ilusión e cunha serie de departamentos nos que traballar ao longo do ano, que se poden dividir en cinco grandes bloques; Informática e medios de comunicación, voluntariado, música e tradicións, cultura e medio ambiente e lecer e deporte.
A Asociación Xuvenil Retranca está presidida por Javier Oubiña e acompáñanlle na xunta directiva Iván Domínguez Estonllo, en calidade de vicepresidente; Beni Charlín, como secretario; Juan Manuel Fernández Paz, en calidade de tesoureiro e os vogais Gemma Cores Pérez, Carlos Durán Sánchez, Cristina Durán Sánchez e Ángela Francisco Chaves.
A primeira das actividades que levarán a cabo será a organización dun campionato de fútbol sete de categoría benjamín que se chamará “Ramón Cabanillas”.
Tamén teñen previsto organizar outros campionatos de billar e de futbolín, que irán perfilándose co paso das semanas.
Outra das propostas é recuperar a Festa dá Xuventude, en data aínda por determinar, pero no verán. Así mesmo, realizarán dous intercambios culturais con outras asociacións similares de Francia e Andorra.
Javier Oubiña quixo felicitar ao Concello pola organización do Entroido deste ano e ofreceu á Asociación Xuvenil Retranca para colaborar na próxima edición.
Que sepan que teñen esta espazo web a súa disposición.