Cambados 27 de febreiro de 2010
O PRESIDENTE DE UNHA GRANDE CHEA E O ALCALDE DE CAMBADOS CRÚZANSE MISIVAS
CARTA ABERTA A LUIS ARAGUNDE
Como coido que todos sabedes este ano ten lugar o 25 aniversario da A.C.D. Unha Grande Chea, e como tal fixemos no Entroido unha exposición e un concerto, cun éxito rotundo nas dúas cousas, grazas infinitas o Café Continental por cedernos o seu local para ámbolos dous eventos. Pero esta carta aberta non é para contar nada diso senón para dicir que temos un alcalde que falta a verdade (por dicilo dun feito moi suave), e explícome: A principios de xaneiro deste ano fomos falar co “noso” alcalde Luis Aragunde quen recibiu a delegación de U.G.CH no seu despacho con seu aspecto “orondo” e “bonachón”, para solicitarllo o Pazo de Torrado para a celebración dunha ambiciosa exposición, expuxemos o noso proxecto, é dicir que iamos facer una exposición de fotográfica, das letras, de vestiario e de outros artefactos que por razón de espazo no Continental non podemos facer. Luis ,como fai sempre, recibiunos moi amablemente (nunca di que non a nada “táctica Tourisiana”), pero cando lle pedimos o Pazo de Torrado para celebrar a exposición nos mesmos días en que estivo no Café Continental, é dicir dende o 5 o 21 de febreiro, borrou o seu sorriso da súa face e sen consultar ningunha clase de axenda nin a ningún funcionario contestounos textualmente “SINTO MOITO PERO NON PODE SER PORQUE NESAS DATAS ESTÁ OCUPADO”, sabíamos dende ese momento que o “noso” Alcalde estaba mentindo descaradamente, pero non podíamos dicilo nin probalo, mentres obviamente non transcorreran tales datas. O tempo soe ser a testemuña inaprazable que da e quita razóns, e efectivamente transcorridas esas datas a Sala de Exposicións do Pazo de Torrado leva pechada dende o 9 de xaneiro ata hoxe. Estiven presente precisamente na derradeira inauguración que houbo no Pazo de Torrado que non foi outra que “Nove olladas do Salnés”, na cal o propio Luis dicía “esta pazo é de todos os cambadeses e temos que enchelo de contido, así que invito a todos a promover exposicións e actos neste espazo”. Pois ben Luis uns cambadeses, que o mellor a ti non che “enconan”, quixeron facer una exposición e ti negácheste tendo ademais o Pazo pechado, e non é precisamente o peor que no lo negarás, está asociación xa está acostumada que dende o concello se lle negue case todo, senón que FALTARAS A VERDADE OS TEUS CIDADÁNS que o fin o cabo colaboran cos seus impostos para que ti poidas cobrar a fin de mes, porque lembrámosche que non es o Alcalde só dos que te votan, ti Luis es o Alcalde de todos os cambadeses e dentro das túas posibilidades estás o servizo dos mesmos. ¿Por qué nos negaches que a exposición se celebrara no Pazo de Torrado?, a este pregunta Luis só podes contestar ti , o problema e que non tes argumentos para facelo sopena de que queiras volver a mentir. É deleznable mentir, pero cando o fai un político que está o servizo dos seus cidadáns esa mentira e moito mais desprezable sobre todo si se fai como fixeches ti Luis con premeditación e aleivosía. Todos coñeciamos o teu antecesor, unha persoa teimuda, intransexible coa xente que non era da súa cor política e polo contra moi “permisivo” cos “seus” . Luis canto tomaches posesión como Alcalde, dinche os parabéns e non vou expoñer aquí a túa contestación porque queda na esfera do privado, pero a verdade é que me defraudaches non esperaba de ti esta actitude.
Tes unha oportunidade de ouro de congraciarte con nos e de recoñecer a nosa labor para o pobo de Cambados durante estes vintecinco anos, e unha boa ocasión pode ser a Festa do Albariño 2010. Luis non sei si vas tomar este ben ou mal, si o tomas ben é que sabes recoñecer os teus erros, si o tomas mal é que non sabes recibir as críticas, o que si che podo dicir é que che vai no soldo.
XAQUIN CHARLIN GONZALEZ “CHON”
PRESIDENTE DE UNHA GRANDE CHEA
EN RESPOSTA A CHON, DE UNHA GRANDECHEA
Cando se din verdades a medias ou se dan informacións sesgadas, ainda que non se faga intencionadamente, córrese o risco de terxiversar a realidade. Algo así semella terlle ocurrido ó señor Chon, de Unha Grande Chea, cando remite unha carta pública á Prensa na que omite datos fundamentais da súa recente entrevista comigo.
Tal e como se plantea neste escrito, pódese interpretar que o alcalde non quere colaborar con esta asociación cambadesa. Pero a realidade é que ofrecinlle aos representates de UGCh a sala situada no baixo do pazo de Torrado, onde recentemente se celebraron exposicións como a fotobiografía da editorial Galaxia sobre Ramón Cabanillas ou a da Consellería de Traballo sobre a Muller Traballadora, alomenos tan importantes como a de UGCh. Na mesma xuntanza, díxenlle que se podería estudar outro lugar e quedaron de contestar pero non o fixeron.
Si é certo que nesa entrevista eu lle indiquei que a sala de exposicións principal de Torrado estaba ocupada, porque xa acordara con Marta Lucio, técnico de Cultura da Deputación, que íamos instalar alí unha mostra de pintura durante a semana do Entroido que, finalmente, tivo que aprazarse por problemas técnicos. Unha vez solucionadas estas cuestións, vaise realizar a exposición prevista nas vindeiras datas e, polo tanto, quero deixar claro que eu non faltei a verdade e quen debería rectificar, en todo caso, sería o señor Chon.
Como lle dixen ó presidente de UGCh cando veu a darme os parabéns, o dia da miña investidura, eu son alcalde de todos os cambadeses, tanto dos que me votan como dos que non o fan. Por eso vou seguir traballando por mellorar Cambados e agardando que, incluso Chon, poida chegar a votarme algún dia.
Non me parece ben nin mal o seu escrito, porque eu respeto todas as opinións, sexan coincidentes ou discrepantes, o que non pode gustarme, obviamente, é que este señor me tache de mentiroso cando non é así.
Eu convidei e sigo convidando a todos os cambadeses a solicitar as salas para organizar exposicións, igual que utilizan todos os centros socioculturais para seu uso e disfrute. Porén, creo que non debe ser a vontade do alcalde quen decida sobre estas cuestións e, en consecuencia, axiña vaise crear unha comisión técnica que avalíe cales serán as exposicións que se levarán a cabo no pazo de Torrado e en cada unha das salas municipais.
Saúdos e ata cando vostede queira.
Luis Aragunde Aragunde
Alcalde de Cambados