Cambados 30 de Xaneiro de 2010
A EMPRESA TRAVIBUS NORTE PRESENTASE NA PRAZA DE FEFIÑANS
A empresa Travibus Noroeste, agrupación de empresas de transporte público, elixiu a praza de Fefiñáns como marco excepcional para presentar unha campaña de galeguización do seu servizo ofrecido ós viaxeiros na lingua propia de Galicia.
Neste acto actuou como anfitrión do alcalde de Cambados, Luis Aragunde, xunto cos patrocinadores da campaña, a subdirectora xeral de Política Lingüística da Xunta, Cristina Ruibal, o presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, Xoaquín Monteagudo, o presidente do foro Enrique Peinador, Xosé González, e o xerente da empresa, Miguel Cuiñas.
Unha vez presentada a flota de autocares con nomes de comarcas e topónimos da xeogravía galega, os convidados trasladáronse ó salón de plenos do Concello onde se presentaron seis relatos da paisaxe, que serán distribuidos de balde nalgunhas liñas das empresas agrupadas.
Asistiron algúns dos autores dos relatos e, en presencia do rexedor cambadés, do fiscal superior de Galicia e da subdirectora de Política Lingüística, pronunciaron emotivos discursos o presidente da AFNL, Xoaquín Monteagudo, o escritor e académico Xesús Ferro Ruibal, o escritor e xefe superior da Policía de Galicia, Luis M. García Mañá, quen gabou a figura do recentemente falecido Gonzalo Jar, tamén autor dun relato da paisaxe, e Miguel Cuiña, xerente de Travibus.
Pechou o acto Luis Aragunde, expresando o seu orgullo e satisfacción porque a empresa e os patrocinadores escolleran a fermosa praza de Fefiñáns, “xoia do conxunto histórico cambadés”, como escenario deste acto de gran relevancia para Galicia. Lembrou que o turismo é un dos sectores máis dinámicos do noso país e que en Cambados disfruta de sobranceiros atractivos, que veñen de ser presentados un ano máis na feira Fitur.
O alcalde suliñou tamén que Cambados fala galego, un patrimonio que debemos potenciar entre todos, e engadiu que o feito de contar en Galicia con dúas linguas oficiais supón unha enorme riqueza que outros pobos non poden disfrutar. Rematou agradecendo a todos a súa presencia nesta vila que sempre os recibirá cos brazos abertos.