Cambados 26 de outubro de 2009
O DIA GRANDE JACOBO DOMINGUEZ TODO UN ÉXITO
A EXPOSICIÓN E O LIBRO DE JACOBO CAUSARON SENSACIÓN
O DOCUMENTAL ELABORADO POR CHOURIZO FILMS EMOCIONOU.
Portada do libro de Jacabo Dominguez sobre a Juventud
Decenas de persoas déronse onte cita no edificio da Xuventude, o auditorio municipal de Cambados que noutras épocas foi sede do movemento de Acción Católica. O motivo non era outro que festexar o 75 aniversario do inmoble e o 80 aniversario da que foi, sen dúbida, unha das asociacións máis activas da localidade. Para iso elixiuse un 25 de outubro, data na que antigamente Cambados festexaba o Día de Cristo Rei. Da parte histórica encargouse Jacobo Domínguez Pedreira, que elaborou un libro, unha exposición e un documental na compaña de Chourizo Films e do seu director Rodrigo Piñeiro que recollen as mellores épocas e historias deste inmoble. Da emotiva, os mozos doutras épocas, que subidos ao escenario interpretaron poemas, tal e como se facía nos anos 30 e 40.
Jacobo Domingo con Rodriño Piñeiro de Chourizo Films elaboraron o documental.
O edificio da Xuventude forma parte activa da historia de Cambados. Construído por peditorio popular, poucas entidades tiveron tanta forza nesta localidade como o movemento de Acción Católica, promotor e propietario inicial destas instalacións. O inmoble foi construído nun terreo que María Valvanera Izquierdo , marquesa de Figueroa, cedeu aos veciños. Era unha parte da horta do antigo pazo de Bazán, hoxe en día Parador de Turismo. Nesta transacción tivo moito que ver Dolores do Val, alcumada A Francesa , que tamén contribuíu cunha partida económica. Na súa construción «participaron todos os mozos da localidade», asegura o historiador Jacobo Domínguez. Estas e outros moitas historias son recollidas no seu libro «A Juventud de Cambados, 75 anos de historia», cuxa presentación serviu para render homenaxe a esta parte tan importante da historia deste municipio.
Un intre na inaguración da exposición
UNHA IMPORTANTE ASOCIACIÓN
Ás sete da tarde, o agora auditorio da Xuventude abriu as súas portas para mostrar unha exposición que trata de recompilar 80 anos de historia. Son imaxes da asociación Acción Católica, que se implantou na localidade en 1929. Promovida polo cura Jesús Rodríguez Cadarso, pronto se converteu nunha das máis importantes de Galicia e na organizadora de boa parte da vida cultural da localidade. Foi a primeira agrupación das súas características en dispor dunha sede como A Xuventude en toda España. Tiña un auditorio para 500 persoas -o dobre de capacidade do que ten agora o de Cambados- e no seu interior proxectábanse películas de cine -despois de que estas pasasen a censura-, celebrábanse veladas musicais e xogábase ao parchís, «porque as cartas dicían que eran perigosas», argumenta Domínguez.
Ernesto Falcón, Juan Silva e Piluca Cunqueira, entre outros, nunha actuación na Xuventude.
A mostra recolle aquelas imaxes que forman parte do recordo de moitos veciños da localidade, pois houbo épocas nas que a vida social non existía á marxe desta entidade. Tamén, obxectos curiosos, como as insignias ou as cuncas que utilizaban para o almorzo, así como roupas do párroco. «Todo o mundo estivo vinculado á Xuventude nalgunha época porque era o que había durante corenta anos», asegura Domínguez. Desta contorna xurdiron diversos clubs deportivos da localidade, como o de fútbol ou o de baloncesto. Domínguez e Rodrigo Piñeiro son tamén autores dun documental. Nel, o veciños da localidade rememoran historias sobre este inmoble e sobre Acción Católica.
Para terminar coa homenaxe, mozas doutras épocas subíronse ao escenario. Acompañados de profesores do conservatorio leron e escenificaron diversos poemas, tal e como fixeron fai agora varios anos neste mesmo espazo. eles tamén foron parte da historia da Xuventude.