Cambados 28 de setembro de 2009
UN CAMBADÉS EN ARIZONA
JORGE OTERO MILLÁN INVESTIGA SOBRE PERCEPCIÓN VISUAL
A NOVA QUE QUITAMOS ONTE SOBRE JORGE ESTABA “UN POUCO ATRASADA”.
Aqui vemos a Xurxo no seu actual posto de traballo en Arizona.
Naceu en 1982. Cursou Enxeñería de Telecomunicación na Universidade de Vigo e rematou a especialidade de telemática no 2006. Agora é axudante de investigación no laboratorio da doutora Susana Martínez-Conde en Phoenix, Arizona.
Jorge Otero estudou Enxeñería de Telecomunicación na Universidade de Vigo, terminando a especialidade de telemática no mes de xullo do 2006. O último ano de carreira "traballei como bolseiro en prácticas na empresa viguesa 2Mares Demil facendo o meu proxecto de fin de carreira alí".
Na cidade olívica Jorge Otero practicou Tae-Kwon-Do durante moitos anos, "sendo campión galego xuvenil". A práctica do deporte, con todo, non impide ter un bo rendemendo académico, e deste xeito obtivo hai anos "un segundo posto na olimpíada matemática galega".
Na actualidade reside en Phoenix, Arizona, onde traballa no laboratorio que a doutora coruñesa Susana Martínez-Conde ten no Instituto Neurolóxico Barrow. Alí exerce como axudante de investigación, analista de datos e programador.
"Souben que había unha praza vacante neste laboratorio a través dunha compañeira que traballa aquí e que tamén é galega. Pareceume unha oportunidade moi interesante así que decidín presentarme. Despois de que aceptaran contratarme e rematar a miña carreira incorporeime en setembro do 2006 ó grupo", explica.
"As investigacións nas que traballa o noso laboratorio –sinala– céntranse na percepción visual, tratando de explicar cómo o noso cerebro procesa a información que recibe a través dos ollos e como forma con ela a nosa percepción do mundo Por exemplo, unha liña de investigación na que traballamos é a relacionada cos pequenos movementos que fan os nosos ollos cando fixamos a mirada e como estes son una parte fundamental do sistema visual. Os experimentos que realizamos neste campo permiten estudar como afectan os movementos dos ollos á nosa percepción e cal é a actividade das neuronas que fai que isto suceda".
O seu labor concreto dentro das liñas de traballo que se desenvolven no laboratorio "consiste fundamentalmente en implementar software que facilite a análise dos datos obtidos dos experimentos para poder extraer conclusións".
Ademais, axiña "comezarei a encargarme do deseño e programción de sistemas de adquisición de datos en tempo real cos que poder desenvolver novos experimentos. Este é un proxecto moi relacionado coa miña carreira, Enxeñería de Telecomunicación, no que poderei aplicar moito do aprendido nela".
Otero apunta que "a investigación que realizamos é básica: comprender o funcionamento do sistema visual. Non obstante, este mellor entendemento pode facilitar nun futuro a diagnose e tratamento de enfermidades relacionadas coa visión e neurolóxicas".
Ultimamente "estamos a traballar, en colaboración cun grupo de investigación de Ohio, no estudo de certos movementos do ollo que aparecen en pacientes que sofren determinadas enfermidades neurolóxicas. A correcta identificación e medida destes movementos pode axudar á diágnose e tratamento destas doenzas".
No laboratorio en Phoenix traballan cinco persoas, pero conta con colaboradores doutras universidades e centros de investigación en Estados Unidos, en Inglaterra, en Francia e en España". E desas cinco persoas, agora tres son galegas: a doutora Susana Martínez-Conde, investigadora principal; a doutora Xoana González Troncoso, que actualmente traballa nun proxecto de investigación posdoutoral e o propio Jorge.
Este asegura que "nos meses que levo aquí penso que todo foi moi ben. Foi un cambio moi radical para min en tódolos aspectos tanto persoais como laborais. Irme tan lonxe e a facer un traballo que non é moi típico para un enxeñeiro de Telecomunicación fíxome ter algunha dúbida. Pero agora estou moi contento de tomar esta decisión e de estar aquí traballando. Teño que dicir que o trato que veño recibindo aquí é inmellorable e que especialmente a miña compañeira galega Xoana me axudou moito e fixo que a adaptación fose máis sinxela".
Neste tempo "acadei ser coautor dun artigo que será proximamente publicado na revista científica Perception. Isto foi posible grazas a un traballo que fixen relacionado con procesado de imaxe dentro dun proxecto que estuda como as esquinas dunha figura son especialmente importantes para que o noso cerebro poida interpretar as imaxes".
O investigador lembra tamén que malia a distancia mantén "fortes vínculos coa miña familia e os meus amigos. Procuro informarme do que pasa na comunidade e as miñas fontes son os diarios dixitais e tamén a familia e os amigos".
Grazas a Genoveva Millán (nai do prapaz) por sacarnos do erro.