Cambados 26 de Xullo de 2009
“504” EN CONCERTO, EN CAMBADOS
O VINDEIRO MÉRCORES DO ALBARIÑO 29 DE XULLO
NA PRAZA DO CONCELLO SOBRE DAS 23.00
O mellor do rap galego na actulidade vai estar en Cambados, a derradeira hora pecharon un concerto co Concello , por eso non sae na programación do Albariño, será o vindeiro mércores na Praza do Concello co gallo da Festa do Albariño sobre das 23.00 horas aproximadamente.
Breve descripción do grupo:
504 é un proxecto musical de recente creación, froito da alianza entre dous grupos anteriores, “Bronquitis Crónica” e “Mito Escrito”, xa asentados no panorama galego. Estes grupos foron claros referentes da que pode ser denominada como a segunda xeración do rap galego, a cal abarca aos artistas musicais que inician a súa produción artística a partir do ano 2000.
A súa formación estrutúrase en 4 mc´s (cantantes) Bad, Didaco, Kotto e Peich; un dj, Webo; e un produtor musical, o beatmaker Pablo Uve, apoiado por Bad. Os seus integrantes son orixinarios tanto de Santiago de Compostela como de Cambados.
Logo de ofrecer máis de 100 concertos ao longo da xeografía galega, compartir escenarios con artistas do panorama estatal, nas visitas destes a Galicia; e sacar ao público sete referencias ao longo desta década, con formatos de longo autoproducido; hoxe afrontan a publicación de “504”, proxecto homónimo ao nome da nova agrupación, con formato de digipack autoproducido, pero desenvolvido a partir duns recursos, tanto técnicos como de comunicación, que o elevan a un acabado profesional.
O lanzamento da súa primeira referencia está previsto para Setembro de 2009 e serán adiantados os seus contidos, a modo de preview, mediante actuacións ao longo de todo o verán deste ano.
Cun son na liña do actual rap hardcore que produce exitosamente a escena estatal, 504 vén achegar ao panorama rap de Galicia a contundencia lírica de todos os seus integrantes, a diversidade derivada do seu formato e procedencia, uns contidos que oscilan entre o egotrip de corte lúdico, a subcultura hip-hop e certo intimismo existencialista.