Cambados 27 de maio de 2009
O CRUCEIRO PERDIDO
APARECE GRAZAS AS OBRAS DA C-550
“CASTRELO MÓVESE” QUERE REHABILITAR A PEZA.
Arriba o cruceiro desaparecido, debaixo o presidente de "Castrelo Móvese", Amancio Gondar.
Os traballos de ensanche da estrada de Castrelo proporcionaron unha inesperada sorpresa, pois deixaron ao descuberto os restos dun cruceiro que a maioría dos veciños consideraban desaparecido. Agora, a asociación "Castrelo Móvese", que preside Amancio Gondar, pretende rehabilitar a peza e colocala na contorna da súa localización orixinal, ao principio da estrada do Facho, no lugar da Bouza.
As obras de ensanche da estrada comarcal PO-550 ao seu paso por Castrelo deixaron ao descuberto un cruceiro que moitos veciños xa deran por desaparecido. A asociación veciñal desta parroquia de Cambados, Castrelo Móvese, acolleu a noticia con sorpresa e moita satisfacción e anuncia que van intentar recompor o cruceiro para volver instalalo nas proximidades da súa localización orixinal, no lugar da Bouza.
O descubrimento produciuse a finais da pasada semana. As máquinas da empresa que está executando o ensanche da estrada puxéronse a rozar e a remover terra na estrada de acceso ao Facho, case enfronte do hotel O Cruceiro, cando de súpeto atoparon as pedras do vello monumento.
Coas obras afloraron o banzo sobre o que se sustenta o cruceiro, a súa base hexagonal e a vara, que estaba enterrada no chan, en posición horizontal. Os responsables da empresa puxéronse entón en contacto coa asociación Castrelo Móvese, que preside Amancio Gondar. Este avisou á súa vez á Dirección Xeral de Patrimonio, pois a intención dos veciños é poder recompor o cruceiro e volver colocalo.
Fai case dúas décadas alumnos e profesores do colexio de Castrelo realizaron un traballo sobre os cruceiros desa parroquia. Un dos integrantes do equipo era Xoán Antonio Pillado Silvoso, quen indica que na época da Guerra Civil unhas persoas tirárono, aínda que logo foi erixido de novo polas autoridades franquistas.
Curiosamente, os seus restos aparecen agora debido a unhas obras na estrada; e tamén foron uns traballos deste tipo os que propiciaron no seu día a súa desaparición. Pillado Silvoso explica que a principios da década dos setenta realizáronse as obras de ampliación da estrada do Facho, e que un camión rompeu sen querer o monumento.
Caeu no esquecemento
Naquel entón quedaron no lugar a vara, o pé e a base do cruceiro, mentres que a cruz e o capitel puxéronse a recado, conservándose na actualidade na sancristía da igrexa de Castrelo.
Desde entón, e debido ao tempo transcorrido, este cruceiro foi caendo no esquecemento. Moitos mozos xa nin sequera sabían que existira nalgún momento, e os maiores pensaban que o máis probable é que alguén collese as pezas e que estas xa fosen agora irrecuperables.
Amancio Gondar explica que a intención dos veciños é volver a ensamblar todas as pezas do cruceiro, e colocalo o máis cerca posible da súa localización orixinal. Para iso xa falou con Patrimonio e retiraron as pezas que foron descubertas tras as obras da estrada para evitar o seu espolio.
Este é un dos moitos cruceiros que hai na parroquia de Castrelo, varios dos cales foron minuciosamente estudados por Afonso Daniel Rodríguez Castelao para a súa obra "As cruces de pedra na Galiza".
Un artigo de Anxo Martinez (escritor e periodista de Faro de Vigo).