Cambados 29 de outubro de 2008
LEMBRANDO A SUSO VAAMONDE
O CANTAUTOR MÁIS CARISMÁTICO DE GALICIA
FOI GRAN AMIGO DE XOÁN SILVA E COÑECIDO DO PRESIDENTE DE UNHA GRANDE CHEA.
Hoxe queremos lembrar no noso espazo web a un dos cantautores máis carismáticos de Galicia. Destacado membro de "Voces Ceibes", Suso Vaamonde, tiña unha voz grave é preciosa que se foi no ano 2000, pero quédanos os seus vídeos e os seus discos. Sufriu cadea por cantar unha estrofa que dicía "Canda me falan de España, sempre teño unha disputa, que si España é miña nai, eu son un fillo de p…" por isto foi condenado a seis anos de cárcere. Aquí vos poñemos un vídeo , hai moitos en you tube, coa súa impresionante voz neste caso "Bande" de Celso Emilio Ferreiro, se queres saber máis da súa vida preme na seguinte ligazón http://usuarios.lycos.es/susovaamonde/paxinaweb/biografia.htm
Texto e fotos: Unha Grande Chea.
————————————————————
Cambados 28 de outubro de 2008
MONCHO PAZOS EN REYMAR
O ARTISTA CAMBADÉS INAUGURA UNHA EXPOSICIÓN TITULADA "PASARELA DE MONCHO PAZOS"
O VINDEIRO VENRES XA SE PODEN VER OS SEUS CADROS.
A Cafeteria Reymar que se está a converter nunha verdadeira galeria para toda clase de artistas.
A artista cambadés Moncho Pazos, inaugura o vindeiro venres na Cafetería Reymar de Cambados (sita na Avda. Valle Inclán, preto do Cuartel da Garda Civil) unha exposición de cadros que titula "Pasarela de Moncho Pazos". a exposición estará presente durante os meses de Novembro e Decembro. Moncho Pazos é colaborador do escultor cambadés Manolo Paz, a xe ten feito varias exposicións tanto na nosa vila como noutros lugares.
Texto e fotos: Unha Grande Chea.
————————————————————
Cambados 28 de outubro de 2008
————————————————————
Cambados 28 de outubro de 2008
CANDEA INFORMA:
Mañán, mércores, ás 4,30 da tarde vaise facer a RUTA CABANILLAS por Cambados, que quedara suspendida polo mal tempo. Está aberta a todas aquelas persoas que queran participar.
Responsables:
Manuel Núñes Pérez e Xoán Antonio Pillado Silvoso.
ORGANIZA: Candea
————————————————————
Cambados 27 de outubro de 2008
“A NOVA TROLA” INFORMA:
DEBIDO A CRISE A XUNTA INNOVA EN TRANSPORTE ESCOLAR
A VILA PILOTO É CAMBADOS E O COLEXIO A PREESCOLAR DA PASTORA
1.- Portada da "Anova Trola".- 2.- O novo transporte escolar en Cambados. (Preme nas fotos para velas ampliadas)
Debido a galopante crise que nos afecta a todos e todas a Xunta e coordinando as Consellerías de Transporte e Educación vai poñer en funcionamento un novo transporte escolar que xa podemos ver por Cambados estes días. O custo en combustible é cero, e increméntanse os postos de traballo porque debido a súa capacidade haberá moitos máis vehículos O transporte en cuestión estará en proba ata pasar o magosto e si a avaliación e positiva implantarase en tódolos colexios da nosa Comunidade Autónoma.
Texto e Fotos: Disías Trampas de “A Nova Trola”.
————————————————————
Cambados 26 de outubro de 2008
UNHA OBRA DE ARTE: AS RUÍNAS DE SANTA MARIÑA A PEQUENA ESCALA.
UNHA OBRA DE ERNESTO LOSADA
REPRODUCIÓN CON TODO DETALLE DO MONUMENTO MÁIS SIGNIFICATIVO DE CAMBADOS
As "Ruinas de Santa Mariña por Ernesto Losada"
Ernesto Losada é un cambadés xubilado que se entretén facendo "maquetismo", e ten varias obras na súa casa, acaba de rematar unha especialmente significativa para él "As Ruínas de Santa Mariña", feitas con todo luxo de detalle, é asombroso non lle falta de nada. Ernesto Losada foi profesor do Instituto Ramón Cabanillas do que antes se chamaba "Trabajos Manuales" e agora se chama "Plástica", entre os seus alumnos destacou o escultor cambadés mundialmente coñecido Francisco Leiro.
Texto: Unha Grande Chea.- Foto: Ernesto Losada.
————————————————————
Cambados 26 de outubro de 2008
TEMPO DE MORTOS: QUE É “A SANTA COMPAÑA”
¿REALIDADE OU IMAXINACIÓN?
HAI QUE XURA HABELA VISTO.
No antroido de 1992, Unha Grande Chea foi disfrazada de Santa compaña, aqui vemos tres imaxes daquel antroido. (Preme nas fotos para velas ampliadas)
A Santa Compaña quizais sexa, unha das crenzas míticas máis arraigadas no rural galego. Coñécese tamén en Galicia con varios nomes : Estadea, Estantiga, Rolda, As da noite, Pantalla, Avisóns, Pantaruxada. Todos eles son termos que nos indican a presencia dun colectivo de mortos no mundo dos vivos. Son varias as versións que na bibliografía podemos atopar sobre a Santa Compaña, de aí a dificultade para poder definila con exactitude. Agás excepcións, hai unha serie de trazos xerais nos que coinciden a meirande parte dos autores ó se referiren a ela: "procesión de mortos ou almas en pena que nas brétemas da noite (a partir das doce) percorren errantes as sendas e camiños dunha parroquia". Esta procesión vai encabezada por un vivo portando unha cruz e un caldeiro de auga bendita seguido de tódalas ánimas con velas acesas, non sempre visibles, notándose a súa presencia polo cheiro a cera e o vento que levanta ó seu paso. O portador da cruz non pode en ningún momento volve-la vista atrás nin renunciar ós seus cargos precedendo a Santa Compaña. Só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen lle entrega-la cruz e o caldeiro. Para se salvar desta obrigación a persoa que vexa pasa-la Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou ben botarse boca abaixo.
Aínda que na maioría das historias sobre a Santa Compaña esta realiza a súas aparicións de noite, tamén hai casos citados nos que se fala de saídas diúrnas. A persoa viva que precede a procesión pode ser home ou muller, dependendo se o patrón da súa parroquia é santo ou santa. En definitiva, considérase a Santa Compaña como unha anunciadora da morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento.
Dentro nas crenzas galegas, existe tamén outra procesión moi semellante á Santa Compaña pero que se diferencia desta en que non son pantasmas de mortos os que van nela, senón pantasmas de individuos vivos. Leva o nome de "procesión das Xans". Marchan en dúas fileiras e levan un cadaleito. Canto máis á beira do cadaleito vaian os membros das ringleiras, máis axiña morren. Os que van máis lonxe poden tardar ata tres ou catro anos. Quen atopa esta procesión, vea, mais non a sente. O encontro case sempre se dá nas encrucilladas dos camiños, onde é costume deterse cos defuntos para que os cregos boten responsos. Se o que a atopa é amigo dos que van na procesión, o único que fan con el é levalo polo aire a outra parte; se é inimigo, danlle unha gran malleira e arrástrano polas silveiras. Son poucas as persoas que ven a procesión das Xans, pois para iso precisa posuír unha destas condicións: que o padriño de quen a ve, rezase mal o credo cando o bautizaron, ou que o crego cambiase os santos óleos confundindo os da extrema unción cos do bautismo. Tal erro pódese remediar bautizándose de novo. Ó impresionante culto dos mortos ou dos devanceiros únese en Galicia a crenza das almas en pena, da ánimas peregrinas, que integran a Santa Compaña; por iso en moitas encrucilladas dos camiños se erguen os cruceiros e os petos de ánimas, onde se depositan as ofrendas piadosas en tributo ós que xa están na eternidade.
Texto: Galicia Espallada. Fotos: Unha Grande Chea.
————————————————————