DURA COMPETICIÓN
Tres cambadeses completan con éxito o Ironman Lanzarote
Nadaron 3,8 quilómetros, pedalearon 180 e correron outros corenta
David Martínez tardou 11 horas en realizar a proba e quedou entre os 200 primeiros
Ata Lanzarote fóronse este fin de semana tres veciños de Cambados cun claro obxectivo: completar as probas do Ironman Lanzarote. Unha dura competición na que os participantes deben nadar 3,8 quilómetros, percorrer outros 180 en bicicleta e 42,2 máis en carreira. Os tres conseguiron chegar á meta e, un deles, clasificouse ata entre os 200 primeiros.
David Martínez, Íñigo Silva e José Luis Argunde levaban meses adestrando duro para poder afrontar esta competición. O primeiro deles contaba xa con experiencia neste tipo de probas e iso notouse. Empregou once horas en completar o percorrido e conseguiu chegar á meta no posto 190. Un resultado máis que satisfactorio se se ten en conta que había 1079 participantes. Recoñece que é un circuíto moi duro e que «cando ía na bici sufrín un desfalecemento» da que lle custou recuperarse.
Aragunde, pola súa banda, tardou 12 horas e 24 minutos en completar o circuíto. Para el, o máis duro foi a maratón, pois unhas molestias nun pé fixéronlle perder preto de media hora. Silva foi o último en chegar dos tres e realizar as tres probas levoulle catorce horas e 42 minutos. Pero está máis que satisfeito. O seu obxectivo pasaba, simplemente, por chegar á meta «e aínda me sobraron dúas horas e media», asegura. ¿O máis duro? As dúas últimas voltas do maratón, «que se fan eternas».
Os cambadeses tomáronse onte o día de descanso na illa canaria. Todos temían non poder moverse, por culpa das agujetas, pero a recuperación foi bastante mellor do previsto. «Estou moito mellor do que me esperaba», afirma Aragunde. No que non están de acordo é no de se repetirían a súa participación nunha competición destas características. Aínda que satisfeitos cos seus resultados, esperarán uns meses antes de decidir se volven enfrontarse a un Ironman.
Foto: Faro de Vigo.- Texto: A Voz de Galiza.
ATENCIÓN: por problemas co outro blog, si queres ver entradas anteriores o 19/05/07, preme en: http://unhagrandechea.spaces.live.com .